Friday 10 de May de 2024

A Coruña acollerá o 12 de maio o musical ‘A tu lado’, de Los Secretos


A banda, con máis de 40 anos de actividade, ofrecerá un concerto teatralizado en formato íntimo no Palacio da Ópera

A Coruña acollerá o domingo 12 de maio o musical ‘A tu lado’, da banda Los Secretos. Trátase dun concerto teatralizado que repasa os máis de 40 anos de actividade da formación madrileña, que hoxe presentou esta nova xira. O espectáculo está promovido polo Concello da Coruña e as entradas xa están á venda a través de Ataquilla.

O Goberno de Inés Rey amplía deste xeito a programación cultural da cidade, que gozará durante este 2024 de actuacións musicais en todos os seus recintos en diferentes formatos e estilos. Neste caso, regresa á cidade o grupo Los Secretos, unha das grandes formacións da historia da música pop española.

O musical terá un formato íntimo no que se narrarán diferentes confidencias da banda ao longo da súa traxectoria, repasando as principais cancións do seu repertorio. A formación ao completo, liderada por Álvaro Urquijo, estará sobre o escenario para poñer música ao espectáculo.

A escenografía tamén xogará un papel importante neste musical, pois recreará un camerino, un bar, unha sala de estar e un escenario dun concerto, completado cunha imaxe nocturna de Madrid, cidade de orixe da banda, como fondo. O obxectivo é transportar ao público a esas lembranzas da formación nos espazos onde sucederon.